Saturday 11 de May de 2024

Chelo Loureiro entrega en San Sadurniño os premios do concurso escolar “Eu tamén son diferente”, organizado por Maruxas de Nata


Maruxas de Nata -a marca das ricas galletas ecolóxicas que se fan en Santa Mariña- entregou esta mañá na Casa da Cultura os premios do concurso de debuxo infantil “Eu tamén son diferente”, organizado co obxectivo de concienciar sobre a inclusión social das persoas con necesidades especiais ou con calquera tipo de discapacidade, sobre todo a das nenas e nenos.

De feito, as Maruxas son as galletas preferidas de Valentina, a nena con síndrome de down que quere ser trapecista e que protagoniza o filme producido e dirixido por Chelo Loureiro, Premio Goya 2022 á mellor película de animación.

As rapazas e rapaces participantes en “Eu tamén son diferente” recibiron de mans da directora os seus galardóns. Ademais dela, no evento tamén houbo representación do xurado do concurso, formado polos debuxantes David Pintor -ilustrador de Valentina-, Leandro Lamas e Elga Fernández Lamas.

Os traballos ganadores compoñen unha exposición temporal que poderá visitarse durante os próximos días na Casa da Cultura de San Sadurniño.